Tan só quedan uns meses para a recta final dunha lexislatura que, como as anteriores, volverá rematar sen que a Xunta envíe ao Parlamento para a súa aprobación a lei de publicidade institucional que o PP galego prometeu en numerosas ocasións. Non en van, no programa electoral que Feijóo defendeu na campaña tras a que logrou ser presidente por primeira vez, hai unha década, os populares manifestaban o compromiso de «aprobar unha Lei de Publicidade e Comunicación Institucional da Xunta de Galicia» porque «a política de comunicación institucional debe estar sometida á lei».
O que era unha promesa para compensar o incumprimento do Goberno de PSdeG e BNG nesta mesma materia acabou sendo un incumprimento adicional. Tras retornaren á Xunta, os conservadores aseguraron que consideraban «urxente» impulsar esa lei, que o propio Feijóo volveu prometer tras revalidar o poder nas eleccións de 2012. En 2016 a promesa xa desapareceu do programa electoral do PPdeG e o Goberno galego tampouco a menciona na relación de lei que di ter previsto aprobar ata o final do presente mandato.