Galicia rematou 2022 con quince desafiuzamentos por cada novo caso de ocupación


Este fenómeno, no centro do argumentario político do Goberno galego e do PP nos últimos anos, volve revelarse nos datos oficiais do Poder Xudicial como minoritario en Galicia. De seu e en comparación con outras problemáticas ligadas á vivenda moito máis abondosas, os desafiuzamentos. Non en van, 2022 rematou con quince desaloxos por cada novo caso de ocupación ilegal abordado polos xulgados galegos, unha proporción semellante á de anos previos. A respecto do último ano previo á COVID tanto os desaloxos como os novos casos de ocupacións caen un 30%, segundo datos do Poder Xudicial.

A pasada semana o Consello Xeral do Poder Xudicial actualizou os seus datos neste ámbito coa información do cuarto trimestre de 2022. O cómputo anual deixa en Galicia 1.246 desafiuzamentos en vivendas alugadas e 277 derivados de execucións hipotecarias, o que dá un total de 1.523 desaloxos. Mentres, os novos casos de ocupacións ilegais en vivendas nas que “os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social” foron 101. Estes datos non inclúen as vivendas ocupadas propiedade dos bancos, que segundo as inmobiliarias supoñen o 80% do fenómeno en Galicia.

Despois de que tanto 2020 como 2021 estivesen fortemente condicionados nos xulgados por mor da pandemia -en 2020 chegáranse a suspender os prazos procesuais por mor do estado de alarma-, o primeiro exercicio de relativa normalidade neste ámbito, o 2022, amosa que estes tres fenómenos ligados á vivenda descenderon arredor dun 30% en Galicia a respecto do último ano completo previo á COVID, o 2019, o primeiro no que o Poder Xudicial ofreceu datos de novos casos de ocupacións ilegais para os catro trimestres do exercicio (comezou a divulgalos a mediados de 2018). Naquel ano os desafiuzamentos foran case 2.200 e os novos casos de ocupacións, 145.