Galicia rexistra a mellor cifra de paro nun agosto dos últimos 15 anos

1 minutes read

A comunidade galega, con 141.912 persoas desempregadas, acadou a cifra de paro máis baixa dos últimos 15 anos e a segunda de toda a serie histórica (que se computa desde 1996) para un mes de agosto. A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, valorou de xeito favorable que, a pesares do incremento do paro mensual respecto de xullo deste ano (+1,47%) -unha tendencia xeneralizada en todo o Estado- Galicia mantén á baixa o desemprego en todos os sectores, nas catro provincias e nos colectivos de prioridade nas políticas de emprego da Xunta respecto de hai un ano.

Galicia conta hoxe con 9.352 persoas sen emprego menos que en agosto de 2021. Tal e como resinou Lado, en todos os sectores de actividade anótase unha baixa nesta lectura interanual, en especial na industria onde o paro baixou o 13,61% -por 5º mes consecutivo- e na construción (-9,90%).  

Tamén os colectivos prioritarios nas políticas de emprego da Xunta experimentaron comportamentos favorables. Así, destacou a directora xeral, a comunidade conta cun 7% menos de parados menores de 30 anos que hai un ano e un 6,11% menos de mulleres desempregadas.

No caso das afiliacións, creceron un 1,53% na comunidade se as comparamos con agosto de 2021 ata acadar un total de 1.055.331 persoas.