A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que a Comunidade rexistrou unha primavera meteorolóxica moi cálida e seca, segundo o avance do informe estacional de MeteoGalicia.
Durante a súa visita ao radar meteorolóxico de Cuntis, Ángeles Vázquez subliñou que as temperaturas desta primavera, cunha media de 14,2 graos, foron case dous graos máis altas do esperado neste período. “Temos que remontarnos ao ano 2011 para atopar un precedente máis cálido”, salientou a conselleira, quen tamén fixo fincapé en que no mes de maio a temperatura media elevouse ata os 16,4 graos.
No que atinxe ás precipitacións, a Comunidade rexistrou unha primavera moi seca cun 24% menos de chuvias das esperadas. Máis polo miúdo, o mes de marzo foi lixeiramente húmido -117 litros por metro cadrado de media- e abril foi seco -68 litros por metro cadrado-. No caso de maio, as precipitacións estiveron asociadas aos fenómenos tormentosos, polo que aínda que houbo zonas con máis chuvia da habitual, choveu un 37% menos do normal neste mes, polo que foi moi seco.