Galicia solicita no Comité Europeo das Rexións que se revise o funcionamento da Política Pesqueira Común


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) na que se abordou o programa de traballo da comisión NAT para 2023. Conforme ao recolleito nas prioridades políticas do actual mandato do CdR 2020-2025 e o programa de traballo da Comisión Europea para 2023, NAT terá como máxima prioridade para o ano que vén traballar para que as rexións e municipios europeos estean mellor preparados para afrontar as diferentes crises, sexan da índole que sexan, mediante un enfoque europeo coherente, integrado e local.

Neste debate, Galicia solicitou a inclusión da pesca e os asuntos marítimos no programa de traballo de NAT en vista de que a Comisión Europea debe presentar, antes de finais de ano, un informe ao Parlamento Europeo e ao Consello sobre o funcionamento da actual política pesqueira común e sobre como debería reforzarse a súa aplicación nos Estados membros. A Xunta de Galicia conta cunha posición consensuada co sector neste debate polo que propón agora que o CdR reaccione ao futuro informe da Comisión Europea elaborando un ditame de opinión.

Jesús Gamallo advertiu da necesidade de revisar a Política Pesqueira Común (PPC), atendendo ao regulamento de execución da Comisión Europea, adoptado en setembro, que introduce a prohibición da pesca de fondo en 87 zonas das augas atlánticas da UE e que afecta negativamente o sector pesqueiro galego. “Esta normativa está a ser moi criticada por non ter en conta os datos científicos máis precisos e recentes”, destacou Jesús Gamallo, quen cualificou este regulamento como “un dos signos do mal funcionamento da PPC”. Gamallo avogou tamén por unha PPC que proporcione beneficios sociais e ambientais reais e tanxibles tanto para as comunidades pesqueiras como para a biodiversidade co obxectivo de que repercuta no emprego e na economía das zonas costeiras.