A organización xuvenil Galiza Nova realizou esta tarde unha vistosa acción de protesta na Praza da Estación de Vigo, onde despregou unha faixa xigante de rexeitamento ante a inminente celebración do desfile do Día das Forzas Armadas na cidade. A pancarta, coroada coa mensaxe «Non á guerra imperialista. A mocidade galega pola paz e a soberanía!», chamou a atención de viandantes e condutores ao incluír unha imaxe de grandes dimensións do rei Felipe VI colocada do revés.
Dende a organización nacionalista explicaron que a utilización da imaxe invertida do monarca simboliza o «rexeitamento total» da mocidade galega á monarquía española como máxima autoridade duns exércitos «submisos á OTAN e ao imperialismo». Así mesmo, denunciaron o gasto millonario que supón este despregamento militar nun contexto de fonda precariedade para as clases populares e a mocidade do noso país.
Con esta acción simbólica no corazón de Vigo, Galiza Nova quixo quentar motores e facer un chamamento masivo á mocidade galega para que participe de forma contundente na mobilización que terá lugar este vindeiro sábado, 30 de maio, a partir das 12:00 horas, con saída dende a Vía Norte.