Gandeiros do Xallas reciben información sobre a nova Conta Láctea

1 minutes read

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado por José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, informou aos gandeiros da comarca do Xallas sobre a nova Conta Láctea. Na xuntanza explicouse o funcionamento e as utilidades desta aplicación informática, creada pola Xunta en colaboración con esta fundación, para calcular os custos de produción das explotacións leiteiras.
Así, José Balseiros destacou que a principal finalidade da aplicación é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite. Para acadar estes obxectivo, a aplicación -creada ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo- permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.
Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos resultados obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para empregarse por parte dos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.
A presentación de hoxe gandeiros desta comarca leiteira forma parte do calendario previsto pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira.