Gardacostas requisa preto de 1.200 quilos de distintas especies de peixe e marisco

1 minutes read

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 1.200 quilos de distintas especies de peixe e marisco, máis de 150 útiles e 800 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia. A maior parte dos comisos foron devoltos ao mar e preto de 1.000 quilos correspondéronse con centola, coincidindo co inicio da campaña de extracción deste recurso, que comezou o pasado 9 de novembro nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Precisamente, ante a fin da veda deste crustáceo os axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e do Servizo Marítimo da Garda Civil, incluídos efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas, están a desenvolver controis conxuntos polas costas galegas co obxectivo de verificar que se cumpre a normativa relativa á captura desta especie e velar pola protección do recurso.

Unha das actuacións máis importantes produciuse no porto de Ares, onde os axentes dos dous corpos comisaron arredor de 460 quilos de centola e identificaron a catro embarcacións que tiñan a bordo capturas irregulares. Os exemplares requisados foron devoltos ao mar na zona das Marolas. Os mesmos efectivos realizaron tamén un control na ría de Ferrol, onde comisaron 42 quilos de centola e algo máis de cinco quilos de vieira a unha embarcación de recreo.

Os axentes tamén realizaron numerosos controis na contorna da ría de Vigo que se saldaron co comiso de máis de 170 quilos de distintas especies e a incautación dunha cacea con 90 nasas. A actuación máis importante produciuse por terra, no porto do Berbés, onde os gardacostas comisaron máis de 126 quilos de centola e preto de 15,5 quilos de nécora extraídos irregularmente e que foron devoltos ao mar.