19.000 pezas arqueolóxicas e obras de arte foron requisadas en dúas operacións policiais internacionais en España, Arxentina e Colombia, entre outros países, segundo informa Interpol. Bautizadas como Pandora IV e Athena II, ambas as operacións tiñan como obxectivo desmantelar redes internacionais de traficantes de obras de arte e antigüidades. 300 investigacións levaron á detención dun centenar de sospeitosos.
As redes implicadas traficaban con obras de arte saqueadas de países afectados pola guerra ou procedentes de roubos en museos e escavacións arqueolóxicas, como moedas, armas antigas, fósiles e pezas de cerámica. Os servizos policiais centraron a súa vixilancia na venda a través de páxinas da internet. Segundo Interpol a web desempeña un destacado papel no comercio ilícito de obxectos culturais.
Estas redes criminais internacionais a miúdo son as mesmas que están implicadas no tráfico de drogas e de armas segundo asegura Interpol. Entre as obras requisadas figuran unha máscara de ouro de Tumaco, considerada única no seu xénero, e localizada no aeroporto madrileño de Barallas grazas á colaboración entre a Policía nacional de España e de Colombia. A Policía federal arxentina recuperou 2.500 moedas antigas, a maior incautación ata a data dese tipo de obxectos, tras outra de 1.375 efectuada polas forzas da orde letonas.
Esta foi a segunda vez que Europol, Interpol e a OMA colaboran na loita contra o comercio ilícito de bens culturais, tras unha iniciativa similar levada a cabo en 2018 e na que tamén participou a Garda Civil.