Gonzalo Caballero comprométese coas infraestruturas necesarias para Lugo


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este sábado Lugo en compañía da alcaldesa, Lara Méndez, a quen lle transmitiu a súa satisfacción por atopala recuperada logo de ter pasado a covid. Dende a cidade das murallas, Caballero puxo en valor os compromisos do goberno de España con esta cidade que esta semana constatou o ministro de Fomento. Destacou a mellora dos servizos ferroviarios para Lugo, en concreto á electrificación e preparación da conexión Lugo- Monforte- Ourense, á cal o goberno destinará máis de 500 millóns de euros para así conectar a cidade á alta velocidade e que a viaxe ata Madrid por tren supoña menos de catro horas. E, fronte ao cumprimento do goberno de España con Lugo, o responsable do PSdeG situou á Xunta, que “non cumpre con Lugo”. “Ten que facer os seus deberes”, recalcou, porque “os lucenses merecen algo mellor”. Do mesmo xeito, o referente do PSOE en Galicia requiriu ao BNG que “deixe a pancarta” e “colabore” co goberno de España na tarefa de facer que Lugo avance en infraestruturas e en todos os ámbitos para manterse como “unha cidade de primeira”.