O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, empezou este martes en Camariñas unha visita pola Costa da Morte. Acompañado pola alcaldesa, Sandra Ínsua, onde puxo de relevo “o traballo do goberno local en defensa dos veciños e das veciñas”.
Dende alí, trasladou o seu “pleno apoio” á alcaldesa, e garantiu que “levaremos os proxectos importantes para Camariñas e para toda a bisbarra á mesa de todos os gobernos”.
No caso de Camariñas, o líder socialista abordou coa alcaldesa o desenvolvemento do litoral. Ademais, reclamou á Xunta que desenvolva “uns servizos sanitarios de primeira” no municipio e que dispoña mellores infraestruturas e máis frecuencias de transporte público para conectar ben esta bisbarra con Santiago e A Coruña.
Ademais, Gonzalo Caballero referiuse ao “proxecto persoal” da alcaldesa para recuperar a antiga lonxa e convertela nun museo, o dos naufraxios, que será “un referente en toda Galicia”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, agradeceu a visita do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para coñecer as demandas da vila. “Sempre está ao pé do canón”, valorou.
En concreto, transmitiulle a necesidade de acometer melloras no paseo marítimo logo dos danos causados polo paso do último temporal, que afectou tamén a algunhas casas da contorna.
Gonzalo Caballero estivo tamén en Fisterra co alcalde, José Marcote; en Dumbría, co rexedor, José Manuel Pequeño; e visitando Corcubión co alcalde, Manuel Ínsua.