- Sinala que Feijóo “non ten solucións” para dar a Galicia “unha sanidade pública do século XXI” e reproba a súa falla de “sensibilidade” ao alegar que hai mortos porque as ambulancias están ocupadas.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu este mércores na sesión de control para denunciar que Feijóo “perdeu a centralidade política porque non goberna respondendo aos problemas do país” e porque “está botado á viraxe do PP cara os pactos con Vox”.
Na súa quenda, o líder dos socialistas galegos sinalou a perda da centralidade de Feijóo en asuntos como os servizos públicos ou a xestión da política económica, ademais dos seus pactos coa ultradereita. “Fala de centralidade política, pero vive á marxe dos problemas do país” tras “25 anos subido ao coche oficial”, remarcou.
Así, reprobou que Feijóo diga que se unha persoa faleceu en Dozón tras 45 minutos agardando pola ambulancia é porque “os médicos e as ambulancias están ocupadas”. “Carece de sensibilidade social e de solucións”, incidiu Gonzalo Caballero, ao tempo que criticou que nin sequera “rectificase” os exabruptos do seu alcalde en Sanxenxo.
En paralelo, censurou a “falla de realismo” de Feijóo ao falar da situación da industria, toda vez que foi quen de afirmar que Alcoa representa “o 30% do PIB de Lugo”, o cal amosa un fondo descoñecemento económico. “Non ten nin o máis mínimo rigor”, afeoulle o presidente do Grupo Socialista no Parlamento.