Gonzalo Caballero destaca que as listas do PSdeG amosan “renovación, capacidade e futuro”


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou que o partido “está en condicións de avanzar posicións políticas en Galicia”, cunhas listas que reflicten “renovación, capacidade e futuro”. Son, por tanto, “as mellores candidaturas” para contribuír a “consolidar” o goberno de Pedro Sánchez e “frear á dereita e a ultradereita”.

Logo de que o Comité Federal aprobase por unanimidade as candidaturas socialistas, o líder do PSdeG sinalou que hoxe “estamos nas mellores condicións para ganar as eleccións xerais” e dar “un refrendo maioritario nas urnas ao goberno progresista” que encabeza Pedro Sánchez.

No caso concreto de Galicia, recordou que o PSdeG constitúe “a referencia” da alternativa fronte ao PP e amosouse convencido de que os seus resultados mellorarán “nas catro provincias”, nun contexto no que os populares “terán en Galicia un retroceso histórico”.

É por iso que os socialistas galegos, proseguiu Gonzalo Caballero, elaboraron unhas listas pensadas “para a maioría da cidadanía”, compostas por persoas “dispostas a se comprometeren co proxecto colectivo” e que, con respecto ás presentadas nas pasadas eleccións xerais, implican unha porcentaxe de renovación que acada o 70%.

Esta “elevada porcentaxe” de renovación, unida ao feito de que as candidaturas ao Congreso estean encabezadas por mulleres nas catro provincias, segundo dixo o secretario xeral, amosa que o PSdeG está “disposto a traballar polo futuro dunha Galicia mellor”. “Temos as mellores candidaturas e agora estamos no tempo de saír a gañar as eleccións”, concluíu.

LISTAS MUNICIPAIS

Ademais, o máximo órgano do partido entre congresos aprobou, tamén por unanimidade, as candidaturas das cidades con máis de 50.000 habitantes que non teñen alcalde socialista.

Nestes casos, como explicou Gonzalo Caballero, o procedemento “funcionou con total normalidade” ao recoller “a sensibilidade da militancia” coa aposta polos “mellores equipos para ganar as eleccións e representar ao partido”.