O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, iniciou unha rolda de contactos cos máis de cen alcaldes e alcaldesas socialistas de Galicia, comezando polas cidades de Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol, e sinalou a coincidencia en que “é unha irresponsabilidade, que faltan garantías para que Feijóo convoque agora as eleccións galegas”.
Lembrou que os concellos son conscientes da dificultade que se engade agora se se convocan eleccións. Caballero engadiu que en marzo consensuouse que se convocarían os comicios “despois do estado de alarma e da emerxencia sanitaria que existe agora, e nese senso o mellor sería convocar unha vez superado o proceso de desescalada”.
É o momento, tal e como indicou o máximo dirixente do PSdeG, de “priorizar a saúde”. Precisamente por iso, Gonzalo Caballero urxiu a Feijóo a que “rectifique” no seu intento de fixar as eleccións “sen coñecer como vai a desescalada nin poder confirmar todas as garantías” para a celebración do proceso. “Que poña a saúde dos galegos e das galegas por riba de calquera outro interese”, concluíu.