Gonzalo Caballero pide á Xunta “axilidade” na vacinación: “Galicia ten 35.000 doses sen usar”

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou Santiago este sábado en compañía do alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo. Dende alí, chamou á “prudencia” e á “responsabilidade colectiva” ante o inicio da desescalada, ao tempo que requiriu á Xunta “axilidade” no proceso de vacinación. O secretario xeral dos socialistas galegos recordou que actualmente hai 35.000 doses de vacinas dispoñibles que o Sergas aínda non dispuxo -das máis de 235.000 que chegaron a Galicia utilizáronse de momento arredor de 200.000- e sinalou que cómpre “que se usen o antes posible”. Gonzalo Caballero chamou á Xunta a ser “máis eficiente” e tamén “máis celosa” no procedemento de vacinación para que “non volva haber erros”. Referiuse así ás 200 inmunizacións irregulares polas que tivo que desculparse o xerente da área sanitaria de Pontevedra e á vacinación fóra de protocolo da alcaldesa do PP en Boimorto ou da conselleira delegada do imperio xeriátrico Domus VI.