O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, referendou este domingo, nun encontro con alcaldes coincidindo co ecuador do mandato local, “o compromiso municipalista do PSdeG”. “Sodes a referencia para a saída desta crise e na defensa das persoas”, destacou, poñendo en valor así a xestión dos concellos dende os primeiros momentos da pandemia.
“Hai dous anos levamos ao partido ao maior éxito municipal, e estou seguro de que co magnífico traballo dos alcaldes socialistas e coa dignidade coa que traballamos onde non estamos gobernando, volveremos gañar as eleccións municipais dentro de dous anos. Arrasaremos nas municipais en Galicia fronte a unha dereita que quere arrasar cos galegos e coas galegas”, enfatizou o líder do PSdeG nun acto baixo o lema ‘Concellos Progresistas pola Reactivación’ no que tamén interviñeron o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente e a vicepresidenta da Fegamp, Alberto Varela e María Barral; a secretaria de Política Municipal do PSOE, Susana Sumelzo; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como alcalde anfitrión.
Nese foro, o máximo dirixente do socialismo galego subliñou o traballo feito polos 113 alcaldes e alcaldesas do PSdeG nuns momentos tan “difíciles”, facendo “a mellor política para sacar ao país adiante”.