Gonzalo Caballero respalda a xestión da alcaldesa de Cee

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou Cee para trasladar á súa alcaldesa, Margarita Lamela, “o respaldo de todos os socialistas galegos para desenvolver o proxecto de progreso” que está liderando na vila.

Caballero puxo en valor “a magnífica xestión” levada a cabo nos eidos social e sanitario, así como no relativo ás Infraestruturas.

“É un proxecto en beneficio e interese dos veciños e das veciñas de Cee por parte dun goberno comprometido coa xente e con que ninguén quede na cuneta”, destacou o líder do PSdeG.

Ademais, Gonzalo Caballero mantivo unha xuntanza co comité de empresa de Xeal (a antiga Ferroatlántica), na que lles trasladou que o Grupo Socialista seguirá reclamando no Parlamento “o plan de viabilidade e o mantemento da actividade industrial e o emprego” da planta.

Trala sentencia do TSXG que impide á empresa segregar as actividades de ferroaleaxe e a produción de enerxía, toda vez que se trata dunha concesión pública, o dirixente socialista reclamou á Xunta “compromiso” cunha industria “fundamental” para a Costa da Morte.

XUNTANZA COS ALCALDES

A rexedora fixo fincapé na “boa nova” que supón a decisión xudicial e requiriu á Xunta “un plan de viabilidade para manter íntegro o emprego”, uns 260 postos de traballo directos.

Do mesmo xeito, celebrou a prórroga por parte de Costas do Estado da piscifactoría de Lires ata o ano 2056.

Neste contexto, lamentou que “aínda non temos resposta” por parte de Feijóo á petición de reunión feita por todos os alcaldes e alcaldesas da bisbarra.