Gran parte da costa galega estará este venres en alerta laranxa

1 minutes read

Gran parte do litoral galego estará este venres en alerta laranxa por fortes ondadas e fenómenos costeiros, advirten desde Meteogalicia. Concretamente, a alerta afectará o noroeste da provincia da Coruña e a Costa da Morte. Para a Mariña e as Rías Baixas, a alerta a partir desta sexta por fenómenos costeiros será amarela, como tamén o será por ‘mar de vento’ na Mariña e en toda a costa coruñesa.

Pola súa parte, a AEMET eleva a alerta laranxa por ondada á zona de Rías Baixas-Pontevedra e Miño-Pontevedra e á costa mariñá. Prevén ondas de entre cinco e seis metros e ventos de forza 7 (de 50 a 61 km), que ocasionalmente poden alcanzar forza 8 (de 62 a 74 km) en determinados lugares como Ortegal-Bares ou na Mariña. Ambos os servizos desactivaron os avisos choivas, despois de que este xoves o interior de Pontevedra estivese en alerta laranxa por precipitacións intensas.

Precaución por mor do temporal

Só entre a medianoite do mércores e as primeiras horas do xoves, as condicións meteorolóxicas adversas deixaron ao redor de 150 incidencias por toda a Galicia, segundo cifras do 112. As máis frecuentes foron en estradas, onde os servizos de emerxencias tiveron que intervir por árbores e pólas (45), terra e pedras (29) ou inundacións (24). Rexistráronse varios accidentes de tráfico ligados ás condicións climáticas. En Ponteareas (comarca do Condado), dous coches chocaron contra unha árbore na N-120, sen provocar feridos. Un microbús escolar tivo que ser auxiliado en Allariz ao quedar varado nunha balsa de auga polo desborde do río Arnoia.