Gran traballo social da Fundación Meniños

1 minutes read

Fabiola García apuntou que a través desta iniciativa procúrase que as mulleres que están nunha situación social complexa se sintan apoiadas e integradas na sociedade nunha etapa vital tan importante como é a do embarazo. Ademais, favorécese un vínculo protector e de apego sólido, seguro e duradeiro entre a nai e o seu bebé.

Con este obxectivo, Meniños presta a estas mulleres un apoio constante e acompañamento desde o segundo trimestre da xestación ata o ano e medio de vida da súa nena ou neno. Ofrécese ás participantes atención psicolóxica e terapias grupais e individuais para que compartan as súas inquedanzas e experiencias. Ademais, a atención é individualizada tanto no propio local do programa como no domicilio das nais, no hospital ou onde a intervención o requira.

O programa de atención prenatal e perinatal da Fundación Meniños comezou fai tres anos en Santiago, no 2019 ampliouse a Vigo e este ano 2020 tamén a Lugo, Ourense e A Coruña. Na actualidade, conta coa participación de máis de 50 mulleres.