Arrancou «A festa levámola dentro», a nova campaña de promoción do comercio local carballés

2 minutes read
  • Máis de cen establecementos de diferentes sectores sumáronse á proposta do Concello de Carballo

Coincidindo coa volta da actividade á planta principal, o Mercado Municipal foi escenario da presentación da campaña de promoción do comercio local carballés «A festa levámola dentro», que suma esforzos de varios departamentos municipais. No acto participaron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Festas, Maruxa Suárez, e os concelleiros de Feiras e Mercados e de Promoción Económica, Juan Seoane e Xosé Regueira.

Dentro dos plans de dinamización económica do concello de Carballo «atopábase a propia reforma do Mercado Municipal», explicou Juan Seoane. Modificacións que se levaron a cabo «atendendo ás necesidades dos placeiros e placeiras, pero tamén buscando unha adaptación do espazo ás demandas do mercado».

Así, reanundando a actividade no edificio e a tan só unha semana das festas do San Xoán, desde o Concello buscan dinamizar a economía local cunha nova campaña moi ligada ás celebracións de verán: «A festa levámola dentro». «Este ano tampouco podemos celebrar o San Xoán como nos gustaría», destacou a concelleira de festas, por iso «quixemos achegar un incentivo á actividade comercial, porque dende ben cativiña as festas sempre significaron estrear roupa, ir ao salón de peiteado… E con esta iniciativa queremos dar un empuxe ao comercio».

No proxecto participan máis de 100 establecementos de diferentes sectores. Presentando no Museo de Bergantiños un tícket de compra de calquera deles por importe igual ou superior a 30 euros, entregarase, ata o día 30 de xuño ou ata fin de existencias, un kit composto por unha bolsa de tela, unha chapa e un imán coa imaxe da campaña. Só na mañá deste martes entregáronse 70, o que demostra a expectación creada.

Pero a proposta leva implícita unha segunda campaña: “Máis de Carballo que o pan”, que inclúe o reparto de 14.000 postais con imaxes moi vinculadas a Carballo. Hai 7 deseños diferentes, o que implica que para conseguilos todos é preciso facer 7 compras, neste caso sen importe mínimo, en calquera dos establecementos participantes. O alcalde de Carballo deu as grazas ao grupo de mozos que creou as postais «por pensar que dende o Concello tamén se poden facer cousas creativas».