Greenalia avanza na tramitación dos seus parques eólicos en Galicia cun investimento de case 100 millóns de euros

1 minutes read
  • Trátase dos parque eólicos de Orzar e Tornado, distribuído entre os municipios de Carballo, Tordoia e Trazo

A compañía Greenalia avanza na tramitación dos seus parques eólicos en Galicia cos proxectos de Orzar e Tornado, de 56 MW e 67,2 MW, respectivamente, que inician o trámite de información pública tras a súa publicación este venres no BOE.

O parque de Orzar (56 MW) situarase entre os concellos de Carballo e Tordoia, onde se instalarán 10 aeroxeradores de 5,6 MW de potencia unitaria. Tal e como recolle o proxecto, as máquinas poderán xerar no seu conxunto máis de 175 GWh. Para a posta en marcha deste parque eólico requirirase un investimento de 45 millóns de euros e poderanse mobilizar máis de 1.200 postos de traballo entre construción e mantemento.

Por outra banda atópase o proxecto Tornado, que contará cun investimento próximo aos 53 millóns de euros. Estará formado por 12 aeroxeradores e a súa potencia será de 67,2 MW. Este parque eólico estará distribuído entre os concellos de Carballo, Tordoia e Trazo.

Os dous parques eólicos irán conectados á LAT de Mesón-Campelo, actualmente en fase final de tramitación, o que permite para estes proxectos un proceso de execución máis rápido e menos impacto ambiental, dado que non necesitan nova liña de evacuación.