A Consellería de Emprego e Igualdade estreou unha nova campaña de concienciación contra a violencia de xénero. Co título Hatersda Violencia de Xénero quérese brindar mensaxes de rexeitamento ante calquera comportamento ou conduta baixo a que subxacen situacións de violencia de xénero.
A iniciativa, enmarcada no conxunto de actuacións desenvolvidas en Galicia no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ten por obxectivo acadar que a sociedade en xeral e os mozos en particular, rexeiten a violencia de xénero e aprendan a identificar as condutas e accións, especialmente as que se sitúan no plano psicolóxico, as máis difíciles de detectar, xa que, en ocasións, se aceptan e mesmo se desculpan.
Todas as pezas da campaña mostran de maneira creativa e didáctica, cales son as condutas que hai que recoñecer como violencia de xénero con protagonistas cotiás nos que verse identificados.
A campaña utiliza ademais linguaxe e códigos estendidos entre a poboación moza e cada vez máis entre o resto da sociedade que se relaciona polas redes sociais. Está dirixida a todas e todos por medio dunha figura recoñecida polos usuarios destas: os haters, persoas intolerantes que amosa sistematicamente a súa negación ou rexeitamento ante calquera asunto a través de comentarios e actitudes hostís. A Xunta quere darlle unha volta a este concepto para que ese “odio” sexa construtivo e permita reivindicar, de xeito activo, a loita contra os abusos e crear un movemento de haters en positivo.