Homenaxe do Calvo Xiria aos participantes do CESA no Vila de Noia, antes de recibir ao BM Ribeiro

Esta fin de semana, o Pavillón Vila de Noia vístese de gala antes do partido de 1ª Nacional (20:00h) para recibir e homenaxear a dous dos seus xogadores máis brillantes: os irmáns Marcos e Natalia Varela. Tras unha semana de balonmán ao máis alto nivel no CESA 2026, os dous regresan a Carballo despois de deixar o nome de Escolas Balonmán Xiria e de Galicia no máis alto do panorama nacional.

Marcos Varela, coa selección galega xuvenil masculina, alzouse cunha histórica medalla de prata no Campionato de España. Tras un torneo impecable, Marcos e o combinado galego pelexaron ata o último segundo na gran final ante a potente selección de Cataluña, proclamándose subcampións de España. O seu liderato defensivo e a súa garra foron fundamentais para acadar este éxito que hoxe celebramos todos.

Pola súa banda, Natalia Varela, integrante da selección galega cadete feminina, tivo un arranque de campionato espectacular. Cunha solvencia abraiante, Natalia e as súas compañeiras asinaron un pleno de vitorias na primeira fase (3 de 3), demostrando o gran nivel do balonmán feminino galego. Finalmente, tras unha fase final moi esixente onde o nivel foi altísimo, Natalia pechou a súa participación cun meritorio oitavo posto de España, confirmándose como unha das grandes promesas da nosa base.

Desde o club queren convidar a toda a afección a participar neste recoñecemento, que será previo ao partido de 1ª Nacional, este sábado 17 de xaneiro ás 20:00h no Pavillón Vila de Noia. É un orgullo ver como o esforzo diario no noso pavillón se transforma en éxitos coa selección galega. Marcos, Natalia… grazas por levar o noso escudo con tanto orgullo!

CALVO XIRIABM RIBEIRO RODOSA OURENSE PROVINCIA TERMAL

O CALVO XIRIA regresa á súa casa este sábado 17 de xaneiro ás 20:00h para enfrontarse ao BM RIBEIRO RODOSA OURENSE PROVINCIA TERMAL. Tras un inicio de ano vertixinoso en terras canarias, o conxunto carballés busca retomar a senda da vitoria ante a súa afección e consolidar as boas sensacións amosadas na primeira volta da competición.

O equipo dirixido por Adrián Dubra chega a esta cita despois de rozar a xesta en Lanzarote (29-27), onde a súa valentía non tivo o premio dos puntos pero si confirmou que o Calvo Xiria pode competir de ti a ti cos colíderes da categoría. Con xogadores como David García en gran momento de forma —autor de goles clave na última xornada— e un bloque defensivo cada vez máis sólido, os de Carballo queren repetir o éxito acadado ante o Ribeiro no partido de ida (33-37). O obxectivo está claro: facer do Vila de Noia un fortín para seguir escalando postos na zona nobre da Primeira Nacional.

Pola súa banda, o BM Ribeiro preséntase en Carballo como un equipo perigoso e en constante mellora. Malia ter unha primeira fase irregular, os ourensáns pecharon o 2025 cunha vitoria moral ante o Tacoronte (35-30) e un meritorio empate ante o Bueu (34-34), demostrando que son capaces de poñer en apertos a calquera rival se se lles permite marcar o ritmo do partido. O conxunto de Ribadavia destaca polo seu xogo coral e a súa capacidade loitadora, polo que non poñerán as cousas nada fáciles ao equipo local.

A clave para o Calvo Xiria pasará por recuperar a intensidade defensiva dende o asubío inicial e aproveitar a velocidade nas transicións para desgastar ao conxunto visitante. Tras o parón de Nadal e a esixencia física da viaxe a Lanzarote, o apoio do público carballés será o «xogador número sete» fundamental para asegurar dous puntos que manteñan vivo o soño de pelexar polas prazas de privilexio.

Related posts

Álvaro Arbeloa novo adestrador do Real Madrid

A proba ‘3 H Resistencia Concello de Camariñas’ de BTT será a última cita do circuíto galego

Dous novos Récords da A.D. Fogar no Control de Marcas de Ourense