Unha das citas máis esperada e emocionante da Semana Cultura do IES Maximino Romero de Lema de Baio foi a protagonizada este xoves por dúas mulleres do Concello de Zas, María Silva, de Langueirón e Manuela Ángela Tomé (Lelucha), de Muíño, que compartiron co nós a súa arte, a súa experiencia e a súa paixón pola música e a poesía popular. As dúas cantareiras abriron o acto cunha pandeirada enchendo o ambiente de música. A continuación comezou unha charla distendida co alumnado e co profesorado presente, na que souberon que aprenderon a tocar a pandeireta e a cantar de xeito natural nas súas casas, simplemente escoitando. Que naqueles tempos non tiñan pandeireta propia, así que, xuntábanse varias para mercar unha e compartíana nas foliadas.
Comezaron a tocar aos 14 ou 15 anos aproximadamente; Lelucha dixo que pasou case corenta anos sen tocar porque casou, tivo fillos… e que despois retomou con naturalidade aquilo que nunca deixou de ser parte dela. Un ritmo que lles gusta moito e que lles fai rir é o “chiquichi”, pero tamén gozan moito co vals ou a rumba. As dúas tamén compartiron cos presentes que saíron en programas recoñecidos como Luar ou Alalá e, mesmo revelaron un segredo: o venres 16 de maio María ía estar no Luar!.
Foron animando a charla coa interpretación de distintas pezas tradicionais que fixeron que algúns dos presentes non puidesen evitar botarse a bailar. Armouse unha foliada en toda regra: música, baile, cantares populares e moita alegría para celebrar as nosas raíces. Sentiron a ausencia de María Souto, que se atopaba indisposta, e non os puido acompañar como tiña previsto.
28