Foi a gran protagonista na nova cita do Club de lectura de Adultos, na recta final do VII Mes do Libro do IES de Baio. A partir da lectura de Cantareiras, da que Icía é coautora xunto con Manuel Varela, adicaron a sesión a escuras deste luns a falar das Pandeireteiras de Mens, de Eva Castiñeira de Agrazón ( Muxía) e de Adolfina e Rosa Casás, de Vila da Igrexa (Cerceda), figuras todas elas homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025.
Icía introduciu a charla comentando o interese que suscita a literatura popular fronte ao marxinada que estivo sempre nos plans de estudo universitario e non universitario. Tal é a importancia que se lle dá, que lles están achegando tanta información nova que xa teñen material para un segundo volume de Cantareiras.
Falou de como as Vellas de Mens, Prudencia, Teresa, Asunción, Manuela e Adela, rompendo os roles que se lle atribuían ás mulleres na sociedade da época, e mesmo tendo que aturar duras críticas e ser obxecto de burlas, viaxaron coa súa música por Europa e América. Informounos da alegre Eva Castiñeira que emigrou á Coruña e que a casualidade fixo que traballase como asistenta na casa dun dos socios da discográfica Ruada, na que recolleron o seu traballo nun disco e facilitaron que subira aos escenarios con Milladoiro. Explicou que as duras condicións nas que tiveron que vivir Adolfina e Rosas Casás non restou variedade nin orixinalidade ás súas coplas, que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recompilou no seu valiosísimo estudo da música popular galega evitando que se perdesen para sempre.
Os membros do club fixeron preguntas, compartiron reflexións, achegaron informacións das súas vivencias que unha vez máis enriqueceron a lectura. Para rematar Icía asinou exemplares e, mesmo deu uns toques a unha das fermosas pandeiretas que decoraban o espazo do encontro.
Con esta lectura no Club de Lectura de Adultos, dende o IES quixeron, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, recoñecer e homenaxear a estas mulleres, pero sen esquecer que hai outras, tantísimas, que tamén o merecen por participar na tradición das pandeireteiras en Galicia.