Identificados dous homes en Carballo: un rompeu a porta do centro de saúde e outro incordiaba nun bar

1 minutes read

A Garda Civil identificou este xoves a un home que rompeu a porta principal de entrada do centro de saúde de Carballo e aproveitou para forzar unha máquina expendedora da que se levou unha botella de auga. Os feitos producíanse á primeira hora da mañá deste xoves e o home que causou os danos resultou ferido tras cortarse cos cristais da porta ou da propia máquina. Foron os traballadores do centro os que se atoparon cos danos na porta e na máquina e co chan con marcas de sangue. O Sergas procedía a repoñer os danos e a presentar a correspondente denuncia dos feitos.

As forzas de seguridade tamén tiveron que acudir na mañá deste xoves ao requerimento da propietaria dun bar ubicado na avenida de Sísamo. Alí identificaron a J.P.C., un veciño da parroquia de Rus, vello coñecido en ámbitos policiais, que estaba a incordiar ao resto de clientes deste local.