Identifican ao presunto autor dun incendio e agresión a un axente ambiental en Oza-Cesuras

1 minutes read

Axentes ambientais da Xunta de Galicia identificaron o presunto autor dun incendio forestal rexistrado este mércores á tarde na parroquia da Regueira, no concello coruñés de Oza-Cesuras. Neste lume, xa extinguido, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e a Garda Civil investigan as circunstancias dunha presunta agresión a un dos axentes ambientais que identificaron o suposto responsable. O axente ferido permanece ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, tras recibir un golpe cunha forcada na cabeza que lle ocasionou unha fractura máxilo-facial e orbital, da que está a ser atendido.

Segundo o relato dos feitos dos propios axentes ambientais da Xunta, dous deles atopábanse de patrulla cando localizaron un fume nunha carballeira da devandita parroquia. Ao achegárense para inspeccionar o lugar, viron un home que fuxía da zona. Procederon a tentar identificalo e, diante da súa negativa, advertíronlle que ían chamar á Garda Civil. Foi nese intre cando o home presuntamente agrediu un dos axentes coa forcada que portaba.

Tras coñecer o sucedido, axentes da UIFO desprazáronse ao lugar dos feitos para presentar a correspondente denuncia e abrir as oportunas dilixencias, que tamén están a ser practicadas pola Garda Civil.

Para a extinción do lume, que quedou finalmente reducido a un conato de 0,02 hectáreas de superficie rasa, mobilizáronse 4 axentes e 1 brigada.