Inauguración en Carballo da exposición fotográfica «Os pasos da historia» da man de Senda Nova

1 minutes read

A Asociación Ambiental Senda Nova inaugura este mércores 29, ás 21.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo a exposición fotográfica «Os pasos da historia», unha mostra composta por 50 fotografías seleccionadas entre máis das 4.000 que se foron realizando durante o programa PRIMAVERA EN RUTA. As imaxes amosan, entre outras cousas, o patrimonio local, e foron realizadas por moitas persoas da asociación con equipos e técnicas diferentes, e en condicións variadas.

Con estas fotografías Senda Nova quere impulsar o proxecto PRIMAVERA EN RUTA, así como agradecer todas as colaboracións que tiveron durante estes dez anos por parte de concellos, Protección Civil, asociacións culturais e veciñais e persoas que os acompañaron nas diferentes andainas.

Ao acto público deste mércores están convidados representantes dos concellos que colaboraron nestas edicións da PRIMAVERA EN RUTA así como membros de Senda Nova e outras entidades culturais e veciñais coas que compartiron estes dez anos de aprendizaxe.