Inaugurado en Caión o novo Centro Comunitario Costa da Morte

3 minutes read
  • A construción do centro comunitario “Costa da Morte” de Caión tivo un orzamento de 1,2 millóns de euros e foi cofinanciado entre o Concello da Laracha, a Consellería de Política Social e a Consellería do Mar a través do GALP Costa da Morte.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse este mércores durante o discurso da inauguración a este novo centro comunitario de Caión como «unha gran escultura que evoca o lomo dunha balea», como exemplo da suma de esforzos para construír lugares de encontro e foros que logran cohesionar os pobos.

Durante o acto, nun día tan sinalado para Caión como é o día da Romería dos Milagres, Feijóo subliñou que este centro conta cun salón de actos, unha zona de traballo para a confraría de pescadores, unha biblioteca e varias salas que permitirán aos veciños e veciñas compartir tempo e actividades.

Así mesmo, destacou que este novo equipamento público, que vén a sumarse á outros como a renovación total do peirao, no que a Administración autonómica investiu máis de 4 millóns de euros, dálle un novo impulso á vila e á comarca, tecendo un fío entre o pasado e o futuro.

Acompañando ao presidente da Xunta, estivo o equipo de Goberno da Laracha co seu alcalde á fronte, José Manuel López Varela; ademais da conselleira de Política Social, Fabiola García; a directora xeral da Consellería do Mar, Susana Rodríguez; o vicepresidente do Parlamento Galego, Diego Calvo e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Trala bendición das instalacións a cargo do párroco de Caión, Andrés Trinquete, as autoridades fixeron un percorrido polo novo edificio cunha visita a todas as súas estancias guiada por Santiago González, arquitecto do estudo Naos, e Pedro Rodríguez, responsable da empresa construtora Desarrolla. Na primeira planta sitúanse as que serán as novas oficinas da Confraría de Pescadores de Caión, a biblioteca municipal -trasladada desde a súa anterior ubicación na Insua- e dúas aulas multiusos. Na planta baixa, xunto á entrada principal, está o salón de actos, no que se realizaron as intervencións das autoridades. O alcalde explicou que o nome do centro comunitario é simbólico pola “vocación integradora das novas instalacións” que serán un “enclave de xuntanza cultural e social e, desde este instante, infraestrutura emblemática da cabeceira da Costa da Morte”.

O rexedor avanzou que en breve o novo centro comunitario acollerá unha exposición da rede REMA de Espazos Museísticos Atlánticos en colaboración co Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte e do Arquivo da Pesca de Caión. Para concluír, mostrou a súa satisfacción por “cumprir o compromiso de dotar a Caión cunha infraestrutura multifuncional que mellorará a calidade de vida dos veciños”.

O presidente Feijóo saudou á súa chegada aos presentes, entre os que se atopaban o presidente de honra da confraría de Caión, Evaristo Lareo, así como membros da Peña Royal, do Club do Mar e da asociación Arume.
Visita á planta alta do centro.
Autoridades presentes no acto de inauguración do Centro Comunitario de Caión.
O acto cerrárono as Cantareiras da Asociación Arume de Caión con dúas pezas musicais, na foto co presidente Feijóo e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela.