Inaugurado o curso da promoción de oficiais da Policía Local máis numeroso da súa historia

Imaxe de arquivo de axentes da Policía Local.

Un total de 53 oficiais da Policía Local, procedentes de 19 concellos, iniciaron na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) o curso de promoción máis numeroso da súa historia, superando os 32 do ano pasado, que xa fora o máis concorrido. Xunto a eles, comezaron os cursos selectivos tres inspectores e un inspector principal.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, deu a benvida aos novos alumnos que inician os cursos de mandos da Policía Local e que recibirán 250 horas lectivas, ata o 3 de decembro, unicamente de xeito presencial, recuperando a normalidade que rachou o ano pasado por mor da pandemia. Aínda que as clases non serán en réxime de internado, a AGASP porá habitacións a disposición daquelas persoas que precisen evitar desprazamentos, sobre todo no caso dos alumnos que proceden de lonxe.
Os oficiais proceden, na súa maioría, dos concellos da Coruña e Lugo, pero tamén de Carballo, Fene, Ferrol, Lalín, Miño, Moaña, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.
Os alumnos dos cursos selectivos de promoción interna recibirán formación en aspectos como habilidades directivas e xestión de equipos, igualdade e violencia de xénero, novas tecnoloxías, seguridade viaria ou menores, ademais de clases prácticas de defensa persoal, tiro e intervención policial.
Dos 53 oficiais que comezan o seu período formativo, 20 proceden dos concellos adheridos ao convenio xeral de procesos unitarios para o acceso ás diferentes categorías de corpos da policía e auxiliares de policía local.
Xunto a eles, comezan os cursos selectivos tres inspectores procedentes dos concellos de Oleiros, Monforte e Poio, e un inspector principal procedente de Arteixo.