- Acisclo Manzano, o prestixioso artista ourensán que asina a escultura, participou no acto organizado polo Concello coa colaboración da Agrupación Cultural Lumieira
Carballo xa conta co Monumento ao Pan, un novo símbolo inaugurado este mércores co que se pretende render homenaxe a unha tradición secular que identifica e representa ao Concello. Na inauguración, á que asistiron Ángeles Ares en representación da Asociación Cultural Lumieira; o historiador Xan Fraga; o escultor Acisclo Manzano, autor da obra, e o alcalde, Evencio Ferrero, agasallouse ós asistentes cun molete de pan.
O Monumento ao Pan foi unha iniciativa da Asociación Cultural Lumieira cuxa representante, Ángeles Ares, sinalou que “xa bulía en Lumieira a idea de situar en Carballo un monumento ao pan, como símbolo de fertilidade, de agradecemento á terra e do bo facer dos seus panadeiros e panadeiras».
Foi tamén Lumieira a que inspirou unha viñeta de Xaquín Marín na que se identifica o pan de Carballo coa bondade, e da que, como sinal de recoñecemento polo traballo que desenvolven, se entregará unha copia enmarcada a cada un dos vinte fornos en activo no municipio. A ese traballo referiuse o alcalde na súa intervención, na que destacou o importante papel que xogaron os panadeiros e as panadeiras durante o estado de alarma: “Eles non pecharon, non cesaron a súa actividade, e día a día seguiron dándonos o alimento que precisamos”, dixo Evencio Ferrero.