Incautada a maior partida de psicotrópicos en España

1 minutes read

A Policía Nacional incautou a maior partida de fármacos psicotrópicos localizada en España, 200.000 pastillas, nunha operación desenvolvida entre Alacante, Lleida e Madrid. Detivo aos oito membros dunha rede internacional que traficaba con eses medicamentos para logo elaborar en Marrocos karkubi ou «droga dos pobres». O karkubi é o nome co que se coñece a unha substancia estupefaciente que se elabora mesturando psicotrópicos con haxix, alcol ou pegamento. Tamén adoita chamarse «droga dos pobres» polo seu baixo custo. A operación desenvolveuse durante seis meses e concluíu en Lleida, onde foi detido o líder da organización. A policía tamén detivo ao provedor principal de pastillas en Alacante. A operación levouse a cabo de forma conxunta co Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria española e o Centro de Cooperación Policial de Tánxer da Dirección Xeral de Seguridade Nacional marroquí.