Trátase de Iván Amarelle, (Coristanco, 1991), un xogador formado na canteira de Escolas Balonmán Xiria, que xa estivo no plantel do primeiro equipo na tempada 2018-2019 despois de varios anos na Liga ASOBAL. Os motivos laborais afastárono dos terreos de xogo desde entón e agora está de volta para ocupar, nesta recta final da tempada, a vacante que deixou na defensa a lesión de Ramón Suárez-Pumariega hai uns meses.
Coa clasificación para a fase de ascenso a División de Honra Prata moi preto e despois de que os informes médicos confirmen que Ramón non estará dispoñíbel para a mesma, o equipo carballés tiña a necesidade de un defensor central para botar unha man ao plantel actual.
O técnico Adrián Dubra comenta: “Iván vén á súa casa a axudar ao club a cumprir o obxectivo do ascenso. Mostrou moita motivación e compromiso por estar aquí e sumar calidade e experiencia ao reto que todos temos por diante.”Pola súa banda, Iván quixo “dar as grazas ao corpo técnico e directiva pola confianza depositada para un evento tan importante como é unha fase de ascenso e mais tendo en conta que levaba case 2 anos sen xogar. Agora toca traballar para recuperar sensacións, recuperar a confianza e adaptarme á forma de xogar do equipo canto antes e oxalá se consiga o ansiado ascenso este ano. Forza Xiria!”