Incremento dun 7% na matriculación nas escolas infantís públicas galegas


As escolas infantís da rede pública de Galicia contan nestes momentos cun total de 8.318 nenos matriculados, o que supón un incremento do 6,9% respecto ao inicio do curso escolar pola incorporación progresiva de novo alumnado. Así o indicou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, nunha comparecencia a petición propia na Comisión 5ª de Política Social, Emprego e Xuventude, na que fixo balance do inicio das clases nestes centros. O comezo de curso está a transcorrer con total normalidade e unha das principais novidades con respecto ao anterior é a flexibilización das medidas fronte a covid-19, atendendo a unha situación epidemiolóxica que hoxe é máis favorable. No obstante, os centros manteñen unha serie de recomendacións no ámbito da prevención que seguen sendo útiles para a saúde tanto dos profesionais como dos nenos. Este curso está marcado por un feito histórico como é a atención educativa gratuíta  un máximo de oito horas ao día en todos os centros, con independencia da súa titularidade, e ao 100% do alumnado de 0 a 3 anos.