A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha celebrou este xoves a primeira reunión do mandato coa presenza dos seus seis membros: José Manuel López Varela, José Ramón Martínez Barbeito, Alberto Blanco, Ramiro Bello, Begoña Domínguez e Pablo Cambón.
O asunto máis destacado foi a concesión da licenza urbanística a Inditex para a construción dun centro de procesamento de datos complementario aos edificios xa existentes no parque empresarial.
Este novo inmoble contará con dúas plantas (baixa e primeira) e unha superficie total de 3.800 metros cadrados. O proxecto que promove Inditex ten un orzamento superior aos oito millóns de euros.
O Concello da Laracha fai unha valoración moi positiva deste novo investimento de Inditex, que supón un paso máis na consolidación e expansión desta sociedade no parque empresarial.