Así se recolle no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, no que se informa da declaración de impacto ambiental emitida ao respecto pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.
Trátase dun tramo de 7,5 km integrado por un total de 15 estruturas correspondentes a 3 viaductos —un deles sobre o río Ulla—; 7 pasos inferiores; 3 superiores; 2 muros e 16 drenaxes transversais. O obxectivo desta actuación é darlle continuidade ao trazado entre a AP-53 e A Ramallosa, actualmente en servizo, para conectar tamén por autovía os concellos de Teo e A Estrada.
Así, unha vez analizada a actualización do proxecto construtivo deste treito e considerando que as alegacións presentadas e os informes emitidos polos órganos sectoriais foron tidas en conta na súa redacción, o departamento autonómico emite declaración de impacto ambiental favorable na que se inclúen unha serie de condicionados para garantir a mínima afección da infraestrutura aos valores do medio e a protección dos elementos patrimoniais presentes na contorna.
Con esta resolución, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon fin á tramitación ambiental do proxecto construtivo, unha decisión que tamén lle foi trasladada á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), como organismo promotor, para que poida continuar cos trámites necesarios para a súa execución.