Iniciada a instalación dos novos asadores na área recreativa do Ariño, Camariñas

1 minutes read
  • O concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, lembra que “se poderán usar no verán sempre e cando o índice de risco de incendio non sexa extremo”

Os operarios do Concello de Camariñas comezaron este martes a instalar os novos asadores na área recreativa do Ariño, na parroquia de Xaviña, para poder deixalos listos de cara á temporada de verán. A Consellería de Medio Rural autorizou á administración local empregar lume nesta contorna en época de alto risco tras unha solicitude do Concello, avalada cun proxecto técnico que garantía a seguridade do procedemento.

O concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, destaca que «había unha demanda por parte da veciñanza para poder empregar esta área recreativa durante a tempada estival, e desenvolvemos un plan para facelo efectivo de xeito seguro”. Sen embargo, lembra que só “se poderán utilizar cando o índice de risco de incendio forestal non sexa extremo”.

Os asadores contarán cun tellado, cheminea, unha billa para permitir o apagado das cinzas e brasas e unha zona na parte inferior para o depósito destas. Tamén incorporan un sistema de peche para poder clausuralos cando o Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (IRDI) sexa extremo.