Iniciada a sinalización de rutas ciclistas protexidas polas estradas de Pontevedra


Con esta intervención, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dáse comezo ás actuacións programadas en máis de 600 quilómetros de rutas ciclistas protexidas na rede de estradas de titularidade da Xunta, ás que se destina un orzamento autonómico de máis de 180.000 euros.

Os traballos, que están a ser executados xa na ruta protexida ES-PO-06, Volta ao Val, comezaron pola estrada PO-552, no punto quilométrico 57+500. Tamén esta semana están programadas estas tarefas no ámbito da ES-PO-04, a ruta do Sol.

As actuacións iranse estendendo ao longo deste mes e no de decembro aos traxectos deportivos protexidos das vías autonómicas das provincias de Ourense, de Lugo e da Coruña.

Deste xeito, actuarase nun total de 10 percorridos das estradas autonómicas das catro provincias, onde se instalarán máis de 300 sinais e paneis para que os condutores estean alerta da presenza dos ciclistas. As actuacións prestarán ademais especial atención ao mantemento das beiravías.

O obxectivo destas intervencións é incrementar a seguridade nas rutas habituais dos ciclistas deportivos.