Iniciativa do BNG da Laracha relativa aos aseos da feira de Paiosaco

1 minutes read

A concelleira do BNG da Laracha, Carolina Castiñeiras, presentará un rogo no vindeiro Pleno da Corporación Municipal no que instará ao Goberno local a que faga todo o que estea na súa man para ofrecer todas as comodidades posibles aos visitantes para que a feira de Paiosaco volva a ser canto antes o que era.

Desde a posición nacionalista a concelleira Carolina Castiñeiras afirma que non se entenden actuacións levadas a cabo «como a de pechar os aseos públicos situados no recinto feiral. Se xa estes deberan estar sempre nunhas condicións impecábeis, é máis, deberían ampliarse e dotarse de servizos como cambiadores para bebés, non comprendemos que algo tan esencial para visitantes e vendedores estea fóra de servizo; máis aínda sen poder contar cos dos bares, que non podían nesta última feira atender dentro dos locais».

«Nestes últimos días investíronse 43.000 euros na renovación completa dos aseos da área recreativa de Gabenlle, polo que consideramos un agravio comparativo que non se contemple unha actuación similar no recinto feiral, que sin dubida sería un paso máis para avanzar na calidade da actividade feiral e que axudaría a competir con centros comerciais pechados», afirman desde o BNG.