Instalado en Vimianzo o novo modelo rural de marquesiña

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou este luns a instalación da primeira marquesiña rural en Vilaseco, en Vimianzo, que se continuarán colocando nas catro provincias galegas para acadar un transporte público que responda ás necesidades dos cidadáns.

Vázquez Mourelle sinalou que esta instalación ten unha gran importancia, xa que dará servizo aos alumnos do CEIP San Vicenzo e do IES Terra de Soneira e tamén aos veciños que fan a ruta da liña regular entre Boudañeira e Vilaseco.

Explicou que se trata dunha nova infraestrutura enmarcada dentro do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos públicos de transporte.

Precisou que a Xunta vai instalar refuxios nas zonas urbanas e nas zonas rurais para dotar de instalacións axeitadas ás paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada de toda a comunidade.

Estas marquesiñas, con selo galego tanto no deseño como na madeira empregada, teñen como obxectivo protexer aos usuarios das inclemencias meteorolóxicas, facer máis cómoda e segura a espera e fomentar a información sobre a frecuencia e destino dos servizos de transporte público que pasan por este punto.

Fixo fincapé en que é unha oportunidade para ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns, pensando especialmente no rural e no interior de Galicia e traballando para adecuar o transporte á realidade territorial da comunidade e ás necesidades dos galegos do século XXI.