A I Xornada «Sexualidade sen barreiras» pechou este sábado no Fórum Carballo cun balance moi positivo, converténdose nun espazo de encontro e reflexión no que se abordou a sexualidade sen tabús, sen prexuízos e sen máscaras, poñendo no centro os dereitos, necesidades e realidades das persoas con diversidade funcional.
Ao longo da xornada, os faladoiros permitiron analizar cuestións clave como a importancia da educación afectivo-sexual adaptada, o dereito ao pracer e á saúde sexual, a creación de espazos seguros para falar e acompañar e a relevancia de garantir recursos e profesionais formados para ofrecer respostas adecuadas.
As ponentes achegaron distintas perspectivas profesionais, experiencias e boas prácticas, facilitando unha comprensión máis ampla e rigorosa da sexualidade na diversidade funcional. O seu labor contribuíu a desmontar mitos e a visibilizar necesidades habitualmente silenciadas.
Ambas entidades agradecen o apoio institucional e o compromiso do Concello de Carballo , coa presenza da concelleira de Servizos Sociais Maica Ures, reforzando así a importancia de promover espazos de formación e sensibilización en torno á sexualidade desde unha óptica de dereitos humanos.
Agradecen ademais a todas as persoas asistentes polo seu interese e participación. Xuntos e xuntas seguirán traballando para abrir camiños, romper barreiras e promover unha visión da sexualidade baseada no respecto, na dignidade e na liberdade individual».