Íntegro pide en Carballo que se respecten as prazas para persoas con mobilidade reducida

2 minutes read
  • Representantes da asociación ocuparon varios aparcamentos da Avda. do Ambulatorio coas escusas máis utilizadas polos condutores

Dentro da colaboración permanente entre o Concello de Carballo e a Asociación Íntegro para mellorar a accesibilidade e a mobilidade das persoas con diversidade funcional, este xoves levouse a cabo unha nova acción de rúa para visibilizar a importancia de que os condutores respecten as prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. “Queremos simbolizar como se sente un cidadá cando lle ocupan unha praza de aparcamento e non pode aparcar. Pois a nós moitas veces pásanos o mesmo”, explicaron os representantes da asociación que se achegaron ata Carballo.

Durante boa parte da mañá ocupáronse varias prazas de aparcamento da avenida do Ambulatorio con cadeiras de rodas e distintas axudas técnicas, xunto con carteis nos que podían lerse algunhas das “escusas” utilizadas con máis frecuencia polas persoas que ocupan estas prazas en concreto: “Son só 5 minutiños”, “Será só un momentiño”, “Volvo nun santiamén”, “Non teño tarxeta… pero non pasa nada, non?” ou “Non sabía que aquí non podía aparcar”.

Dende Íntegro reivindican que o tempo das persoas con diversidade funcional vale o mesmo que o de calquera outra, e que as prazas reservadas non son un capricho, senón unha necesidade; de aí o lema “De verdade queres estar no seu lugar?”. Tamén chaman a atención sobre o uso indebido das tarxetas de aparcamento “por usuarios que non teñen discapacidade, e iso, ademais dun fraude, moralmente é tamén algo reprobable”.

O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, acompañaron ao persoal e aos usuarios de Íntegro durante parte da xornada, que se enmarca na celebración da Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria, do 17 ao 23 de maio. Unha iniciativa semellante desenvolveuse xa o ano pasado na rúa Cervantes e ao longo deste 2021 repetirase en distintos barrios urbanos.