O novo alcalde de Carballo, Daniel Pérez tivo este luns unha intensa actividade no seu primeiro día á fronte da alcaldía.
Reuniuse, xunto co novo concelleiro Daniel Barreiro, co presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, para abordar a organización dun evento deportivo en Carballo.
Tamén tivo unha xuntanxa, acompañado polo concelleiro de Obras, Luis Lamas, co párroco de Carballo, José García Gondar, en relación cun posible convenio entre Concello e Arzobispado para crear un novo equipamento público en Rus.
E, entre outras moitas visitas e chamadas, recibiu as felicitacións telefónicas de Julio Abalde, subdelegado do Goberno; Carlos Gil, da Demarcación de Costas, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, co que falaba cando se fixo a foto desta portada.
Dende o Concello informan que moi pronto, na nova páxina web carballo.gal, estará operativa a sección da axenda do alcalde, co máis destacado da súa actividade diaria.