Efectivos policiais da Udyco interceptaron nas últimas horas un pesqueiro cargado con máis de dúas toneladas de cocaína e que foi abordado fronte ás Rías Baixas e trasladado ao Porto de Vigo. Fontes coñecedoras do operativo, que dirixe a Audiencia Nacional, sinalaron que, polo momento, producíronse 4 detencións a bordo do pesqueiro, aínda que a investigación segue aberta e non se poden descartar máis arrestos en terra.
Entre os catro tripulantes detidos habería polo menos un galego, o capitán do buque. Así mesmo, estímase que, a bordo do barco, hai máis de 2.000 quilos de cocaína. Esta actuación está impulsada pola Fiscalía Especial Antidroga, desde o xulgado de garda da Audiencia Nacional. Ao parecer a droga foi recollida a pouca distancia das nosas costas dun mercante de liña regular procedente de América do Sur. Este é o terceiro barco de pesca abordado en circunstancias semellantes neste verán de 2023.