Interceptados cinco condutores na Laracha que deron positivo en drogas e alcohol

1 minutes read
  • A Policía Local puxo en coñecemento da Fiscalía un posible delito de estafa tras producirse varios accidentes de tráfico nun mesmo lugar

A Policía Local da Laracha, nun control da seguridade viaria realizado nos últimos días, interceptou a cinco condutores que deron positivo nas probas de alcohol e drogas. En concreto, dous condutores deron positivo por consumo de cocaína, cannabis, anfetaminas e metanfetaminas. Outros tres automobilistas superaron a taxa máxima permitida de 0,25 mg/L de alcohol en aire expirado. Nun dos casos o condutor case triplicou esa taxa, polo que se instruíron dilixencias por un posible delito contra a seguridade viaria.

Por outra banda, a Policía Local da Laracha puxo en coñecemento da Fiscalía e das autoridades xudiciais un posible delito de estafa. Nunha investigación que está a ser desenvolvida polos efectivos do corpo de seguridade municipal desde hai varios meses, detectáronse saídas de vía e accidentes que se repiten nunha mesma zona. As pescudas policiais indican que ditos incidentes de tráfico poderían ser provocados para reclamar indemnizacións ás compañías aseguradoras.