Interior retira as condecoracións a ‘Billy el Niño’ e a outros policías franquistas


O Ministerio do Interior ordenou revisar e retirar as condecoracións policiais a axentes que formasen parte do aparello de represión da ditadura franquista, como o que fose membro da Brigada Político Social da Policía franquista Antonio González Pacheco, Billy el Niño, falecido en 2020.

Ademais da revisión das condecoracións policiais, Grande-Marlaska dispuxo a creación dunha Comisión de Estudo e Análise sobre a aplicación e os efectos da promulgación da Lei de Memoria Democrática en todos os ámbitos competenciais do Ministerio do Interior. Entre outros aspectos, esta comisión preparará unha reforma da Lei Orgánica de Asociacións, para incluír como causa de disolución ou de revogación da súa declaración de utilidade pública a realización pública de apoloxía do franquismo con menosprezo e humillación da dignidade das súas vítimas ou incitación directa ou indirecta ao odio ou violencia contra as mesmas.

Así mesmo, establecerá as condicións que permitan garantir e facilitar o dereito ao acceso libre, gratuíto e universal aos arquivos públicos, así como á consulta de documentos sobre o golpe de estado, a guerra e a ditadura franquista que puidesen estar baixo custodia ou conservación do Ministerio do Interior.