Intervida a residencia do Incio con 68 contaxios

1 minutes read

A Xunta de Galicia tomou a decisión de intervir a residencia de maiores do Incio, tras o gromo de coronavirus detectado este xoves e que afecta a un “elevado número de usuarios”. Tras avaliar a evolución epidemiolóxica do centro coas consellerías de Sanidade e Política Social, acordaron tomar esta decisión para “garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde dos residentes e traballadores do centro”.

Coa intervención sanitaria os profesionais do Servizo Galego de Saúde farán un seguimento médico constante das persoas usuarias desta residencia e supervisarán a correcta aplicación dos protocolos aprobados pola Xunta de Galicia. 

O Concello do Incio decidiu suspender de forma temporal o servizo de axuda no fogar, salvo en casos de especial vulnerabilidade. Nun bando da Alcaldía, tamén se informa da suspensión de toda actividade lúdica, cultural e deportiva, así como feiras e mercados.   Pola súa banda, procederase á reapertura do servizo de entrega a domicilio de medicamentos e alimentos a aquelas persoas que o necesiten.