- Irene Vilaboa estaba á fronte da Dirección Deportiva do Balonmán Xallas e converterase na primeira muller que ocupe o banco dun equipo masculino militante na División de Honra Prata, antesala da liga ASOBAL.
O equipo galego de balonmán do Teucro Pontevedra poderá presumir de ser o primeiro na historia do balonmán de categoría nacional en España de ter a unha muller como adestradora. A entidade, fundada en 1945 e que este ano cumpre 75 anos de vida, confiou na viguesa Irene Vilaboa para iniciar este novo proxecto.
“Ilusióname que un club histórico como o Teucro confiase en min para levar ao primeiro equipo en categoría nacional”, di a preparadora viguesa. Irene Vilaboa asegura que “non é unha experiencia nova adestrar a homes” porque “durante varios anos dirixín ao Bueu en Primeira Nacional”. Para a nova adestradora do Teucro, “o adestrador o é do deporte, neste caso do balonmán, con independencia do xénero”.
Irene, que leva 26 anos no mundo do balonmán, fará tándem no Teucro coa súa irmá xemelga, Rosa. Ambas estiveron unidas na súa traxectoria deportiva salvo este ano, no que tiveron que separar os seus camiños ao aceptar Irene a Dirección Deportiva do Balonmán Xallas e Rosa o cargo de axudante de Luís Montes no Teucro.