Izada no Sendeiro de Saldoiro en Caión a bandeira Sendero Azul 2026

1 minutes read

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, izou este mércores a bandeira Sendero Azul deste ano 2026 no Sendeiro de Saldoiro de Caión, infraestrutura municipal que renovou o recoñecemento que pon en valor este espazo como lugar privilexiado para gozar da natureza, practicar deporte ao aire libre e achegarse ao medio natural dun xeito respectuoso. No acto tamén participaron os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito, Patricia Ballo, Rocío López e Alberto Blanco.

O itinerario distinguido volve ser o tramo do paseo marítimo de aproximadamente 1,5 quilómetros que conecta a praza Eduardo Vila Fano co arroio Figueirido, un percorrido moi frecuentado tanto pola veciñanza como por visitantes que atopan neste sendeiro un espazo accesible, coidado e integrado na paisaxe.

A distinción é concedida pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), entidade que recoñece con este galardón aquelas sendas que destacan polo seu valor ambiental, pola súa contribución á educación ecolóxica e polo seu papel como recurso para o lecer saudable.

Con esta nova concesión, o Sendeiro de Saldoiro suma xa trece anos consecutivos lucindo a bandeira Sendero Azul como un símbolo que reafirma o compromiso municipal coa conservación e posta en valor do entorno litoral.

Ademais deste distintivo, o Concello da Laracha volve presentar candidatura para renovar outros recoñecementos de prestixio, como a Bandeira Azul da praia de Caión e o distintivo de Centro Azul de Educación Ambiental para o Museo dos Muíños de Golmar, reforzando así unha aposta continuada pola calidade ambiental, a divulgación e a protección do patrimonio natural e etnográfico.

Este tipo de recoñecementos contribúen a fomentar un modelo de desenvolvemento económico e promoción turística sostible sustentable baseado no respecto polo entorno e na mellora da calidade de vida da cidadanía.