Javier Ramilo campión de Galicia de Rallymix por terceira vez consecutiva


No municipio de Portas (Pontevedra) celebrábase esta fin de semana a sexta e última proba do Campionato de Galicia de Rallymix, á que chegaban dous pilotos de Yacar Racing cos seus Yacarcross coa posibilidade de conseguir o título da Clase A. Tanto Abel Jurado como Javier Ramilo, o líder provisional, eran ademais os campións dos cinco últimos anos -de 2015 a 2017 Jurado e en 2018 e 2019 Ramilo-, pois en 2020 non se convocou o mesmo.

Ausente nunha das carreiras por lesión, a de Ribadumia, Javier Ramilo ‘Kobas’ chegaba con máis posibilidades que Abel Jurado, que xa descartara un resultado como se estipulaba no regulamento ao abandonar en Touro, polo que debía situarse por diante do piloto de Carballo e colocar a outro no medio de ambos, pois en caso de empate, como ocorrería se ‘Kobas’ quedaba xusto por detrás do asturiano, o título sería para o galego pola calidade dos seus resultados, con tres vitorias esta tempada por unha de Jurado.

Javier Ramilo terminaba finalmente terceiro en Portas mentres Abel Jurado situábase cuarto e Cristóbal Serantes sexto, sendo os mellores Yacarcross clasificados tendo en conta que Adrián Ameal volvía saír na última manga e diversos problemas atrasaban tamén a Javier M. Carracedo. Por outra banda, hai que destacar tamén a participación dos canarios Ricardo Fumero e Armando Expósito, que xa non poderían saír o domingo.